COLABORA NO PROGRAMA

venres, 24 de maio de 2019

Festa fin de campaña. Pub Underground


Hoxe poñemos punto e final a 15 días de campaña electoral. Facémolo no Pub Underground (Rúa Pombal 9) coa militancia, @s simpatizantes, familiares, amig@s, compañeir@s e como non cos/as veciñ@s que queiran compartir con nós este ágape. Un momento que poderedes aproveitar para intercambiar ideas, impresións e problemáticas coas persoas que forman a nosa candidatura. 

Porque estivemos, estamos e estaremos a disposición de todas aquelas persoas que nos precisen.

Agardámoste.

martes, 21 de maio de 2019

¿Dónde debe ser el puerto deportivo de O Grove?

O xornal La Voz de Galicia publicou hoxe un artigo co posicionamento dos partidos que nos presentamos ás eleccións locais 2019 en relación a unha construcción que consideramos non prioritaria, o Porto Deportivo.

Podes ler o artigo completo premendo na imaxe





PORTO DEPORTIVO

Lonxe de falar de Portos Deportivos, dende Esquerda Unida consideramos esencial solucionar os problemas reais dos nosos portos pesqueiros. 

Unha das demandas que si teñen feito efectiva por parte dos usuarios é a reordenación do Porto do Grove e a dotación das medidas de seguridade precisas para o desenrolo da actividade portuaria. O dique de abrigo do Porto de Meloxo é outra das demandas que leva anos paralizada e que precisa de solucións así como o desenvolvemento do seu plan de usos portuarios. Estas medidas deben ser levadas a cabo coa implicación e o consenso dos sectores afectados. No caso do Porto de Meloxo, unha das cuestións que preocupa na confraría é a repercusión que poida ocasionar no banco de marisqueo próximo, pero Portos de Galicia, no lugar de reunir ás partes e procurar un proxecto que sexa viable e non prexudique a ninguén, busca o enfrontamento para atrasar a súa inversión na zona.

Estas son demandas reais, das que dende Esquerda Unida temos coñecemento. O porto deportivo é unha instalación que hai anos contaba cun auxe que a día de hoxe non sabemos si segue sendo real e si os sectores implicados están de acordo. Antes de propoñer unha ubicación, é preciso coñecer a demanda deste tipo de atraques na Ría de Arousa. Entendemos que ante a falta de propostas reais algúns partidos, co propósito de ofrecer algo, rescaten un proxecto que ía ligado a un cambio de situación do actual porto pesqueiro e que, ata onde nós sabemos, contaba con informes negativos en relación ao impacto medioambiental. 

Polo cal dende Esquerda Unida non vamos pronunciarnos a favor ou en contra dun Porto Deportivo, que entendemos non está suscitando unha demanda, ata contar co sentir de todos os sectores implicados no mesmo. É preciso abordar este tema dun xeito amplo e non reducionista. 

Unha das demandas que si teñen feito efectiva por parte dos usuarios é a reordenación do Porto do Grove na que se dea cabida a toda a flota pesqueira, bateeira, embarcacións tradicionais, barcos de pasaxe... e se dote das medidas de seguridade precisas para o desenrolo da actividade portuaria.

Por iso, no programa electoral co que nos presentamos a estas eleccións municipais están incluídas estas medidas, que responden ás demandas reais do sector e que son medidas realizables.

luns, 20 de maio de 2019

Hoxe estaremos en San Vicente

No día de hoxe, o candidato á Alcaldía de Esquerda Unida, José Antonio Otero, e membros da candidatura estarán na Casa da Cultura Ángel Vázquez Hereder, a partir das 9 da tarde, coa intención de charlar coa veciñanza de San Vicente, explicar o noso programa e recoller as propostas e impresións que nos queiran achegar.


domingo, 19 de maio de 2019

¿Bandeiras azuis si, bandeiras azuis non?

O xornal La Voz de Galicia publicou hoxe un artigo co posicionamento dos partidos que nos presentamos ás eleccións locais 2019 en relación ás Bandeiras Azuis nos nosos areais.

Podes ler o artigo completo premendo na imaxe

¿Banderas azules, sí, banderas azules no?

Este é o posicionamento completo de Esquerda Unida

BANDEIRAS AZUIS

Esquerda Unida fai unha reflexión moito máis profunda sobre este tema que vai máis aló da simple postura de estar a favor ou encontra das bandeiras azuis. Estamos totalmente a favor do mantemento e da limpeza dos nosos areais e de dotalos de servizos e accesos que se adecúen as características específicas de cada unha delas. Para nós é moi importante apostar pola calidade para que O Grove se converta nun destino turístico de referencia. Nós cremos que o distintivo bandeira azul, foi un recoñecemento importante no seu día, pero o que hoxe necesitamos é un sistema de xestión da calidade das praias. As normas ISO, a Q de calidade, a certificación europea EMEAS, poden ser exemplos de outros galardóns que ademais de un distintivo, nos aporten un plan de xestión que nos permitan traballar no mantemento e xestión dos areais todo o ano. 

Importante tamén, é recordar que as bandeiras azuis son un galardón que outorga a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor(ADEAC), unha organización non gobernamental e sen animo de lucro, pero que cobra ás institucións pola xestión destes galardóns que deben ser renovados cada ano. Cada vez máis localidades do litoral cuestionan as bandeiras azuis por consideralo simplemente un distintivo, que non aporta ningún plan de mellora. San Sebastián é unha desas localidades onde levan apostando por outro tipo de
galardóns para a súa praia máis famosa “La Concha”. 

Se O Grove ten que pagar por un galardón, debería cando menos, recibir a cambio algunha ferramenta de traballo ou metodoloxía para a xestión do recurso.

sábado, 18 de maio de 2019

MITIN DE ESQUERDA UNIDA

O pasado venres 17 celebramos o Mitin Central na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey

Interviron:

Susana Millán, número 4 da candidatura

Juan Lamelas, número 3 da candidatura

Cristina Domínguez, número 2 da candidatura

José Antonio Otero, candidato á Alcaldía do Grove.









mércores, 15 de maio de 2019

Debate de Todogrove

Hoxe o noso candidato estará no debate de Todogrove na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey



Podes seguir o debate a través do canal de youtube de Todogrove


Ao final do debate terá lugar unha terturlia que tamén poderás seguir dende o conala de youtube de Todogrove




Debate en Radio Arosa

Onte estivemos en Radio Arosa para explicar as nosas propostas. 

CADENASER.COM
Debate entre os candidatos dos partidos con representación do Grove: PP, PSOE, BNG, Partido Galeguista e Esquerda Unida

Debate de Canal Rías Baixas

Podedes volver a ver o debate do programa Contrastes de Canal Rías Baixas

CANALRIASBAIXAS.TV
‘Contrastres Concello de O Grove’

domingo, 12 de maio de 2019

Entrevista ao noso Candidato en La Voz de Galicia

AROUSA
«O PXOM só sairá adiante se todos traballamos xuntos»
Otero defende un programa «realista», que fuxe das obras faraónicas e busca controlar o gasto


S. GONZÁLEZ A. GARRIDO 
O GROVE / LA VOZ 

Hai tres anos, Esquerda Unida estivo a piques de acadar un terceiro concelleiro. Só 39 votos separaron á formación esquerdista de lle arrebatar o seu octavo representante ao PSOE de José Cacabelos. Desta volta, José Antonio Otero asume o reto de encabezar a candidatura e reforzar a súa presenza no pleno para resultar decisiva no vindeiro mandato.
-Que é o primeiro que faría como alcalde?
-Unha auditoría da débeda. Debemos saber a onde se destinaron os cartos públicos e que empresas se viron beneficiadas para un maior control sobre o gasto. Esa auditoría debe incluír tamén os catro anos anteriores. Consideramos que nestes dous últimos mandados houbo un exceso de gasto. Esta medida vai acorde coa nosa liña programática, que se basea na transparencia das administracións. Ao mesmo tempo, EU pretende aprobar canto antes e aplicar a relación de postos de traballo, que logo de dez anos está sendo negociada cos sindicatos. Tamén imos tratar de recuperar os servizos públicos que este e outros gobernos externalizaron.
-Veremos algún día o PXOM aprobado e en vigor?
-Este alcalde accedeu á alcaldía grazas ao PXOM, prometendo a aprobación dun documento de mínimos logo da desastrosa proposta do tripartito do PP, PGD e Ameca. Pero non foi quen de cumprir, e incluso se opuxo a realizar unha segunda exposición pública, solicitada por el mesmo e aprobada por unanimidade a instancias dos veciños. Este documento só sairá adiante se hai un traballo conxunto de todas as forzas políticas, os sectores implicados e a veciñanza. Esta proposta xa foi posta enriba da mesa por EU, pero o goberno negouse a crear unha comisión de traballo. O tempo fainos entender a súa postura, pois dese modo non podería recibir os veciños no seu despacho para solucionar os problemas relativos ao documento.
-Que débeda histórica debería saldarse no vindeiro mandato?
-Non imos prometer ningunha obra faraónica para estes catro anos, o mesmo que hai catro anos, cando tomamos a decisión de facer un programa realista e realizable. Loxicamente, seguimos incorporando a necesidade de dotar ao Grove de grandes infraestruturas, pero no lugar de prometelo para catro anos, pensámolo como un traballo a estudar e valorar xunto con outras Administracións. Non son tempos de grandes investimentos para infraestruturas cando temos as actuais sen un mantemento correcto, e menos con financiamento unicamente municipal.
-Pero non hai algunha intervención á que se comprometan?
-Só hai dúas obras nas que si podemos comprometernos. Unha porque ten financiamento, que é o centro de día, e outra na que loitaremos incansablemente para que a realice a Xunta, que é o novo centro de saúde. Estas edificacións son unha demanda continua de toda a veciñanza, e considerámolas importantes e necesarias para o noso concello.
«Loitaremos incansablemente para que a Xunta constrúa o novo centro de saúde»


Entrevista ao noso candiato no Diario de Arousa

Jose Antonio Otero | “Cremos que se malgastaron cartos públicos e é preciso facer unha auditoría económica”

l.ferreño o grove | 11 de Mayo de 2019


Jose Antonio Otero, candidato de Esquerda Unida no Grove | d.a.
candidato de esquerda Unida Jose Antonio Otero lidera, por primeira vez, a candidatura de Esquerda Unida do Grove. Amosase crítico coa xestión do PXOM do actual goberno e cre que o documento só se poderá aprobar “se participan todos os partidos, axentes sociais e técnicos urbanísticos”
Jose Antonio Otero (O Grove, 1980) presentarase, por primeira vez, como candidato de Esquerda Unida ás vindeiras eleccións municipais despois de máis de dúas décadas vinculado á formación e tras a experiencia como concelleiro neste mandato. Otero participou e participa activamente en distintos colectivos do municipio. “Axudar aos veciños sempre me motivou”, sinala. Acompañao un equipo que “non lle debe nada a ninguén e que só busca mellorar o noso pobo”.

Con que bazas se presenta Esquerda Unida ás vindeiras eleccións?
Cremos que non é o momento de grandes proxectos e inversións con cartos municipais. Sempre defendimos un auditorio pero que estivera financiado pola Xunta e a Deputación. A pesar do que di o goberno, nunca votamos en contra desta infraestrutura senon dos 4,5 millóns de euros de inversión. Cremos que O Grove precisa dunha piscina, pero a nosa intención é negociar con outras administracións. É preciso actuar no servizo de axuda a domicilio porque as traballadoras están nunha situación caótica e apostamos pola súa remunicipalización, pero tamén recuperar o guindastre municipal. Hai xente que está pagar por uns vados sen ningún tipo de garantía.

O PXOM volverá a estar na axenda do vindeiro goberno.
A conclusión a que chegou Esquerda Unida é que só se poderá aprobar un PXOM no que participen todos os partidos, técnicos urbanísticos e actores sociais. O problema é que non sabemos como está o PXOM nestes momentos porque hai un documento colgado na web que variou completamente e seguimos esperando dende setembro por unha reunión na que se nos explique como está documento. A idea das reunións cos veciños que fixo o alcalde non está mal, pero nelas tiña que estar un técnico.

EU sempre defendeu unha segunda exposición pública do documento. Seguen mantendoo?
É necesaria para que os veciños poidan alegar e é un erro que o alcalde se negue a facela porque non está cumprindo cunha orde plenaria que el mesmo defendeu cando estaba na oposición. Nunca tivo tan sinxelo aprobar un PXOM, pero teno que facer con garantías.

Foron moi críticos coa reordenación do tráfico levado a cabo polo goberno. Cal é o modelo de vila que defende Esquerda Unida?
Apostamos por unha reordenación de tráfico e a peonalización das rúas, pero non como o está a facer o goberno a salto de mata. Basease nun Plan de Mobilidade, pero só inicialmente, non se molestou en crear grupos de traballo como indica o plan. A decisión de cambiar de dirección Lordelo pode que sexa axeitado, pero se fixo unha vez que se saturaron outras. Para facer cambios de rúas tes que medir as consecuencias noutras rúas. O Plan de Mobilidade estase a cumplimentar a base de anexos sen ningún tipo de previsión nin tampouco tendo en conta a necesidade de estacionamento. A nosa idea é buscar bolsas de aparcamento antes de acometer calquera cambio de circulación a través de alugueres ou convenios.

Cal sería a primeira medida que tomaría Esquerda Unida se chega á Alcaldía?
Facer unha auditoría municipal dos últimos oito anos porque creo que se malgastaron cartos públicos no Concello do Grove. Tamén ver como está a situación laboral e tentar pechar canto antes a RPT. O crédito do Auditorio está nestes momentos lastrando as novas contratacións porque está ao límite o teito do gasto municipal.

Teñen algunha liña vermella ante posibles pactos de goberno?
Co PP nunca pactaríamos e co PSOE ía a ser moi complicado. Teriamos que ver as propostas que se poñan sobre a mesa, pero despois de catro anos no cuatripartito e estes últimos catro anos, vai ser dificil que Esquerda Unida chegue a un acordo cun goberno liderado por Cacabelos. Sentarnos a falar nos sentariamos con todos, pero pactar xa é outra cousa.

Ver artigo orixinal na web

venres, 10 de maio de 2019

Esquerda Unida convoca á mocidade para recoller as súas demandas e inquedanzas


O candidato á alcalcaldía e outros membros da candidatura de EU participan nun encontro en El Patio a partir das 21:30 h.

O Grove, 9 de maio de 2019.- Esquerda Unida fai un chamamento para que a mocidade do Grove participe no encontro que a formación ten convocado para este venres, a partir das 21:30h. Unha xuntanza que se celebrará en El Patio, e cuxa intención é a de recoller as demandas e inquedanzas das mozas e mozos do Grove para incorporarlas á acción política da formación.

O candidato á alcaldía de EU, José Antonio Otero, participará nun encontro ao que tamén está previsto que asistan outros membros da candidatura local da formación. Un foro aberto para que a mocidade do municipio poida falar abertamente e achegar as súas opcións e puntos de vista sobre as diversas problemáticas e asuntos que lles afectan. Cuestións que Esquerda Unida quere recoller, e que se compromete a ter en conta para impulsar un programa político ao servizo da cidadanía.

Hoxe dou comezo a Campaña Electoral